Wednesday 01 de May de 2024

Moeche abre este martes o prazo de inscrición nas escolas deportivas e culturais con varias novidades


Ás portas do outono, o Concello de Moeche pon en marcha as distintas escolas municipais, que regresan á actividade cunha chea de propostas deportivas e culturais para todas as idades. O prazo de inscrición estará aberto desde este martes 3 de outubro a través da Sede Electrónica ou presencialmente na Casa do Concello en horario de 9:00 a 14:00h de luns a venres. As escolas botarán a andar ao longo da semana que vén.

Nas escolas municipais deportivas poderemos practicar até o mes de maio exercicios de mantemento suaves ou aplicarnos máis a fondo con pilates, spinning ou circuítos de forza. Ademais, para a xente miúda e a mocidade regresan as actividades gratuítas dirixidas principalmente ao alumnado do CEIP San Ramón, como son a patinaxe, o tenis e o atletismo.

Para que as escolas vaian adiante farán falla grupos mínimos e os horarios poden variar dependendo da demanda. As prazas dispoñibles, que son limitadas, irán asignándose por orde de petición dándolle prioridade á veciñanza de Moeche e a aquelas persoas que asistisen ao curso completo na temporada 2022/2023.

As actividades extraescolares deportivas para a rapazada serán de balde, mentres que as das persoas adultas rexeranse polos prezos públicos establecidos na ordenanza reguladora nº 16.

Escolas municipais culturais con novidades
Ademais de escolas deportivas, o Concello de Moeche tamén promove a escola de teatro dirixida por Pepablo Patiño, que incorpora como novidade a formación dun grupo infantil con idades comprendidas entre os 6 e os 13 anos.

Outra novidade das escolas culturais é a iniciación ao baile tradicional, co obxectivo de aprender os puntos básicos de muiñeiras, jotas e outras coreografías habituais en foliadas. As sesións desenvolveranse o 2º e 4º sábado de cada mes ás 12:00h na Nave do Mercado.

Tanto para o teatro -de persoas adultas e de rapazada- como para o baile tamén farán falla grupos mínimos de unhas 8 ou 10 persoas de cara a soster as actividades durante todo o curso. Pode ampliarse información no correo pilar.pazo@moeche.gal.

As inscricións nas escolas culturais poderán facerse tamén desde este martes a través da Sede Electrónica ou presencialmente na Casa do Concello en horario de 9:00 a 14:00h de luns a venres. As peticións atenderanse por orde de entrada das solicitudes.